Top ten das máis grandiosas (e incomprendidas) obras de arquitectura do mundo
(Só dos últimos vinte anos, Versalles, o Escorial ou as pirámides de Giza non entran no ranking).
10
Casa Poporului (Casa do Pobo)
Bucarest

Denominación actual: Palatul Parlamentului (Pazo do Parlamento).
Datas de inicio e finalización da obra: 1984 - aínda non rematou.
O estadista promotor: Nicolae Ceauşescu.
O suposto propósito: albergar as altas institucións do antigo estado socialista romanés. Co cambio de réxime os novos dirixentes criticaron o seu excesivo luxo o que non quitou que agora albergue as altas institucións do novo estado romanés.
Detalle Guinness: en metros cuadrados de piso é o segundo edificio administrativo máis grande do mundo despois do Pentágono.
Pequenos detalles en contra: a construcción coincidiu cunha época de penuria en Romanía. Para facerlle sitio á mole foi necesario arrasar barrios e edificios históricos.
9
Ryugyong Hotel
Pyongyang (Corea do Norte)

Datas de inicio e finalización da obra: 1987 – 1992 (sen rematar).
O estadista promotor: Kim Il-sung.
O suposto propósito: servicio de hotel, restaurantes, casinos etc. nos que os futuros turistas occidentais puideran facer gasto.
Detalle Guinness: se fora terminado no seu día sería o hotel máis alto do mundo.
Pequenos detalles en contra: falta de recursos para semellante proxecto nun país no que a xente morría de fame.
8
Basilique de Notre Dame de la Paix
Yamoussoukro (Costa de Marfil)

Datas de inicio e finalización da obra: 1985 – 1989.
O estadista promotor: Félix Houphouët-Boigny.
O suposto propósito: Yamoussoukro foi a vila na que naceu don Félix e á que lle deu rango de capital oficial do país, en detrimento da capital tradicional, Abidjan. Foi logo necesario darlle ao lugar unha aparencia máis urbán e qué mellor que dotalo cunha enorme igrexa católica.
Detalle Guinness: é a máis grande igrexa do mundo.
Pequenos detalles en contra: hai quen opinou que quizais fora máis urxente garantir as necesidades básicas de electricidade, auga, educación, sanidade, da poboación da rexión.
7
Mosquée Hassan II
Casablanca

Datas de inicio e finalización da obra: 1986 – 1993.
O estadista promotor: Hassan II de Marrocos
O suposto propósito: ademais de rei de Marrocos, Hassan II foi Commandeur des croyants (Príncipe dos crentes), un alto cargo no Islam. Que menos logo que construir unha mesquita acorde co seu rango relixioso.
Detalle Guinness: é a segunda mesquita máis grande do mundo despois da mesquita da Meca. Ten o minarete máis alto do mundo.
Pequenos detalles en contra: (ver Basilique de Notre Dame de la Paix)
6
Biblioteca José Vasconcelos
México, D.F.

Datas de inicio e finalización da obra: 2004 – 2006 (na actualidade estase a reformar por defectos de construcción).
O estadista promotor: Vicente Fox Quesada.
O suposto propósito: tornar a tendencia decadente da zona centro-norte de Ciudad de México mediante a construcción nela dunha grande obra pública, por exemplo, unha biblioteca.
Detalle Guinness: a tamén chamada “Megabiblioteca” foi o máis grande gasto en infraestructuras da administración de Vicente Fox. Terá capacidade para amorear millón e medio de libros.
Pequenos detalles en contra: aparte de que na cidade xa existía unha Biblioteca Nacional, non está claro que a inversión de gran parte do orzamento destinado á cultura nun único edificio axude a fomentar a lectura no resto do país.
5
Bibliotheca Alexandrina
Alexandria (Exipto)

Datas de inicio e finalización da obra: 1995 – 2002.
O estadista promotor: Hosni Mubarak.
O suposto propósito: revivir a biblioteca de Alexandria dos tempos antigos.
Detalle Guinness: nos seus andeis caben oito millóns de libros.
Pequenos detalles en contra: máis da metade da poboación do país é analfabeta e non parece que a biblioteca o vaia remediar.
4
Millennium Dome
Londres

Denominación actual: The O2
Datas de inicio e finalización da obra: 1996 – 1999.
O estadista promotor: Anthony Charles Lynton Blair, a.k.a. Tony Blair (disque a maioría dos seus ministros estaban en contra do proxecto).
O suposto propósito: revalorizar unha zona do leste de Londres mediante a construcción de, por exemplo, unha nave xigante para celebrar o terceiro milenio.
Detalle Guinness: é a máis grande estructura abovedada do mundo.
Pequenos detalles en contra: a pesar do potencial turístico de Londres, con centos de miles de visitantes anuais, foi moi discutida a rendibilidade do proxecto.
3
Khan Shatyry (Pavillón Real)
Astana (Kazaquistán)

Datas de inicio e finalización da obra: 2007 – en construcción, previsto para o 2008.
O estadista promotor: Nursultan Nazarbayev.
O suposto propósito: Nazarbayev quere converter a nova capital Astana na Brasilia da estepa siberiana.
Detalle Guinness: en contraste cos -30º C de temperatura que se acadan no inverno, no interior do pavillón xigante poderán gozar dun verán tropical, con praia incluída.
Pequenos detalles en contra: por falta de cartos non vai haber problemas, sempre que sigamos a pagar a gasolina aos prezos actuais.
2
Burj Dubai (Torre Dubai)
Dubai

Datas de inicio e finalización da obra: 2004 - en construcción, previsto para o 2008.
O estadista promotor: Mohammed bin Rashid Al Maktoum.
O suposto propósito: é tontería ter tanto petrodólar parado no banco.
Detalle Guinness: é xa agora o edificio máis alto do mundo.
Pequenos detalles en contra: (ver Khan Shatyry).
1
Cidade da Cultura
Santiago de Compostela

Datas de inicio e finalización da obra: 2001 - ?
O estadista promotor: Manuel Fraga Iribarne.
O suposto propósito - detalles en contra: poñan no Google “cidade da cultura será” e que cadaquén saque as súas conclusións.








